Friday 10 de May de 2024

Luar na Lubre, Le Gall Carré, Maghúa e Os Rexumeiros protagonizan a noite de concertos deste domingo no Castro de Elviña


Últimas entradas á venda de cara á ‘Noite nos Crutos’, para a que se disporá un dispositivo especial de autobuses lanzadeira, tanto para o percorrido de ida como de volta

Este domingo 30 de abril, ás 19.00 horas, comezará a ‘Noite nos Crutos’, un ciclo de concertos ao aire libre que se levará a cabo no Castro de Elviña e se prolongará ata case a medianoite. O artista Xurxo Souto, acompañado por veciñas e veciños do Castro, será o encargado de presentar os espectáculos.

A programación prevista abrangue o grupo de cantareiros Maghúa, o prestixioso cuarteto bretón Le Gall Carré e unha formación da antiga banda de gaitas Os Rexumeiros de Elviña —agrupación moi enraizada en Elviña, que naceu nos anos 90—. O prato forte da xornada será o grupo tradicional Luar na Lubre, unha das bandas galegas máis internacionais e que ten a súa orixe na Coruña.

De cara aos concertos —coa apertura de portas prevista xa ás 18.30 horas—, habilitarase unha zona de asentos, diante do escenario, destinada especificamente a persoas maiores e tamén ás persoas con problemas de mobilidade. A capacidade máxima prevista na contorna das penas da Grela é de, aproximadamente, 2.000 persoas.

As últimas entradas para a ‘Noite nos Crutos’ están á venda a un prezo de 10 euros. Poden adquirirse a través de Ataquilla ou no despacho de billetes da praza de Ourense, aberto de luns a venres, de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

Dispositivo especial de autobuses lanzadeira de cara á Noite nos Crutos

De cara á ‘Noite nos Crutos’, o Concello da Coruña, en colaboración coa Compañía de Tranvías, establecerá este domingo 30 de abril un dispositivo especial de autobuses lanzadeira para asistir aos concertos que terán lugar no Castro de Elviña. O obxectivo desta iniciativa é poder dar resposta á alta demanda de asistentes ao evento e priorizar a súa chegada en transporte público.

Haberá unha liña lanzadeira con itinerario desde a praza de Pontevedra (na parada fronte ao IES Eusebio da Guarda), que fará parada en Juan Flórez, San Pedro de Mezonzo, Alfonso Molina, Paxariñas e na pasarela de Matogrande. O primeiro bus sairá da praza de Pontevedra ás 18.00 horas e haberá unha frecuencia de 10 minutos ata as 19.30 horas, cando pasará a ser de 30 minutos ata as 22.00 horas.

Á finalización dos concertos, a partir das 23.00 horas, disporanse catro buses lanzadeira desde o Castro de Elviña cara aos distintos barrios da cidade. O primeiro irá ao Barrio das Flores, pasando por Camilo José Cela, avenida de Monelos, Castrillón, Os Castros, avenida de Oza e Catro Camiños. O segundo conectará con Monte Alto a través de Alfonso Molina, praza de Ourense, Juana de Vega, San Andrés e Campo da Leña. O terceiro bus irá ata Os Rosales por Alfonso Molina, rolda de Outeiro e Labañou. O último irá ata Novo Mesoiro